Thursday 02 de May de 2024

A Xunta pon en marcha 5 obradoirios na comarca do Barbanza cun investimento de 2,5M€ para mellorar as oportunidades laborais de 100 persoas sen emprego


 O delegado da Xunta participou na apertura do obradoiro de emprego dual organizado por Noia en colaboración con Lousame

 Desde 2009 preto de 19.500 persoas participaron nestas accións en Galicia que supoñen a mellora da súa empregabilidade

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire e pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, participou na inauguración do obradoiro de emprego dual Noia-Lousame 2023, organizado por Noia compartido con Lousame, que formará a 20 persoas sen emprego, durante 12 meses, en conservación e mellora de montes, grazas a un investimento da Xunta de máis de 531.000 euros.
Trenor informou que o Goberno galego está poñendo en marcha, este ano, un total de 5 obradoiros de emprego na comarca do Barbanza cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros, nos concellos de Boiro; Ribeira compartido con Porto do Son; Rianxo, Muros compartido com Carnota e Noia compartido con Lousame. Estas accións van dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 100 persoas desempregadas.

Nestes talleres tiveron preferencia as persoas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego, en especial aquelas con especial dificultade para acceder ao mercado de traballo: emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións, parados de longa duración, maiores de 45, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, etc.

Os alumnos e alumnas recibirán formación e disporán dun contrato de traballo e percibirán remuneración durante a súa participación nesta actividade, que se estende durante 12 meses. A Xunta subvenciona o 100 % do salario mínimo interprofesional (1.080 euros este ano), así como a totalidade das cotas por cada un dos participantes.

A posta en marcha destes proxectos contribúe ademais á contratación, por parte das entidades promotoras, do persoal directivo do obradoiro, docente e administrativo de apoio necesario para levalos a cabo.

Os obradoiros de emprego son programas públicos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social.

Os beneficiarios poden realizar un traballo efectivo que favorece a súa inserción no mercado de traballo. Na selección de especialidades teñen prioridade as que garanten unha maior expectativa laboral nas contornas, por exemplo, relacionadas coas tecnoloxías da información (TIC) ou coa economía dixital.

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Desde o ano 2009, a Xunta promoveu un total de 924 obradoiros de emprego en Galicia, que mobilizaron máis de 461 millóns de euros. Case 19.500 persoas participaron nestas accións que materializan a colaboración entre a Administración autonómica e local e permiten atender, por outra banda, as necesidades de man de obra do mercado.